Porto Exterior

Not selected for Google Earth or Google Maps [?]

Comments (1)

Eladio Cortizo on December 15, 2013

Nunha península chamada Punta de Muros, dentro das obras de preparación para a infraestrutura do Porto Exterior da Coruña, escavouse un castro. A oportunidade, en si mesma, era excepcional: era a primeira vez que se escavaba un poboado da Idade de Ferro en toda a súa integridade, empregando a mesma metodoloxía e técnicas para todo o poboado. A escavación foi realizada por unha empresa dirixida polo arqueólogo Juan A. Cano Pan; o castro axiña se revelou nun xeito que non era convencional, o coñecido até o momento na Idade de Ferro, un modelo practicamente novo. O proceso de exhumación foi rapidísimo para os prazos habituais da arqueoloxía , aínda que non a de urxencia. En xaneiro de 2005 iniciouse a escavación e coa chegada de verán de 2005 o proceso estaba concluído. As máquinas axiña derruían o achado para continuar cos obras do Porto Exterior que enguliron o castro da Punta de Muros con rapidez, pouco despois de rematar a escavación. Sete meses despois do inicio dos traballos arqueoló-xicos, “liberalizouse”, na terminoloxía cínica das obras públicas, a zona do castro e as máquinas entraron, destruíndo boa parte do lugar. O propio Porto Exterior sacou a concurso público un centro de interpretación do castro desmantelado “con restaurante”. A idea da Autoridade Portuaria da Coruña era rescatar algunhas das estruturas, que foran extraídas do castro para seren reconstruídas nese centro de interpretación, co obxectivo de “devolver” o patrimonio cultural. Se chegaches a esta altura do texto estaredes preguntando que había no castro de Punta de Muros que o facía tan especial. Dende xaneiro do 2005 até novembro do 2010 non houbo ningún texto publicado, ningún estudo, ningunha fotografía, ningún plano publicado de xeito oficial sobre ese castro destruído. Pero nunha publicación andaluza, asinada por Juan A. Cano Pan e o profesor da Universidade da Coruña Fernan Gómez Filgueiras de Brage, publicouse o primeiro texto no que o director da escavación falaba publicamente do lugar, aínda que abundando nun aspecto parcial pero clave da escavación: os materiais. Pois imos aló. O castro de Punta Muros era un xacemento antiquísimo: situado nunha zona remota, illada, estéril e sen potencialidade agrícola, aquel lugar comezou a dar datos sospeitosos. O carbono 14 revelou unhas cronoloxías moi, pero que moi temperá nun poboado castrexo, moito máis do habitual. …”os inicios da construción do poboado poderían estar nos comezos do s. IX (a.c.), para chegar a fase de máxima ocupación e actividade entre os S VIII e VII. A superficie do poboado pasou por catro fases na utilización deste espazo. A primeira e de maior intensidade foi a construción dunha aldea fortificada e a utilización de ese espazo durante 400 ou 500 anos, perante a Primeira Idade de Ferro. A segunda, correspondese con unha reutilización residual de ese espazo, mais de 500 anos despois da desaparición do poboado, por xentes culturalmente encadrable no mundo galaico romano.” É dicir, este poboado foi abandonado na 2ª Idade de Ferro, un tempo no que no mundo castrexo se produciran grandes cambios sociais que se traducían en novos tipos de asentamentos, máis próximos aos vales, e novos modelos de fortificacións. Aquel castro da Punta de Muros abandonouse para entón. A súa cronoloxía é fascinante; é, posiblemente, o castro máis antigo escavado en area nunca en Galiza. Unha potente muralla de pedra protexía o recinto. Non obstante, a sorpresa chega ao ver a planta do lugar. A maior parte doa castros, lembrarás, teñen unha malla de casas circulares. Pero aquí, as cabanas eran alongadas, abraiantemente alongadas, nunha forma descoñecida en Galiza até o momento nun castro. Esta sucesión de cabanas alongadísimas, ademais, tiña unha lóxica. Case todas as casas dispuñan de forno de metalurxia, pero existía unha organización. O castro carecía de instrumentos agropecuarios, ou de instrumentos que revelasen que os seus habitantes traballaban na terra ou no mar. Só metalurxia de bronce arredor dos século IX-VII a. de C. Este lugar era unha factoría fortificada de metalurxia do bronce. Pero non queda aí a cousa: “La singularidad de este yacimiento es que es un poblado dedicado a la metalurgia del bronce antiguao con dos procedimientos matalúrgicos distintos, uno para cada uno de los dos tipos de bronces que han sido identificados (con dos aleaciones distintas) (...) Una a un uso funcional y objetos de uso directo, y otra, a uso ornamental o simbólico.” Alucinante. Ten en conta que até ese momento a idea que tiñamos dese período é absolutamente nebulosa. Algúns indicios revelan un pouco máis tarde a aparición de cabanas de pallabarro e pouco máis e, de súpeto, aparece nas proximidades da Coruña un elemento que non debería estar aí nese momento. Algo totalmente novo, só equiparable a algunhas factorías fenicias no Mediterráneo nesa época, en momento de elevado desenvolvemento do que se coñece como civilización, pero é inaudito na zona atlántica da península, e ademais, no lugar no que se atoparon achados de orixe mediterránea que falasen dunha interacción comercial co sur: o proceso parece endóxeno, propio desta sociedade do noroeste. Este sitio arqueolóxico transforma de xeito radical a nosa prehistoria, crea moitos interrogantes sobre unha sociedade da que se amosaba un considerable grao de complexidade. Pensade en que se trata para a época, o Bronce Final, dunha instalación de alta tecnoloxía, agochada nun lugar remoto e sen capacidade de subsistencia autónoma. Todo isto aconteceu moito antes dos castros tal e como nós os coñecemos, pero o abraiante é que ese lugar era un castro. Pois ben, todo isto foi escavado rapidamente; durante todo o proceso, non se informou de nada á comunidade local, nin científica nin aos medios, sobre o que alí se atopou. Todo se mantivo en silencio, malia coñecerse perfectamente a relevancia do evento. Os responsables da Autoridade Portuaria, canda a dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura, tomaron a decisión de facer desaparecer o xacemento, de costas os cidadáns, lexítimos propietarios e finanzadores da escavación do sitio arqueolóxico, tanto da comunidade local de Arteixo como do resto do país. Nada disto se soubo. O cemento do Porto Exterior anegou rapidamente o lugar. Cando xa todo pasou, cinco anos despois, comezaron a aparecer as primeiras publicacións sobre o lugar. Que cadaquén saque as súas conclusións sobre o motivo deste silencio. Hai que facer unha reflexión sobre a xestión política da arqueoloxía neste país. Sobre a ocultación, sobre unha xestión de patrimonio de despacho, sobre decidir sobre o patrimonio de costas aos cidadáns que o financian, sobre a dignidade da nosa Historia. O que aquí pasou foi terrible, propio do máis astuto construtor especulador; a diferenza é que foi financiado, silenciado e decidido por institucións públicas, que actuaron en conivencia para que o achado máis importante da arqueoloxía galega das ultimas décadas non lle crease problemas a unha obra, o Porto Exterior coruñés, na que confluían numerosos intereses políticos, mediáticos, e económicos. É un dos capítulos máis vergoñentos da nosa arqueoloxía recente. Aprenderemos algo deste drama da nosa cultura? (HERDEIROS POLA FORZA – Xurxo Ayán/Manuel Gago)

Sign up to comment. Sign in if you already did it.

Eladio Cortizo
36206 Vigo, España

Photo details

  • Uploaded on December 14, 2013
  • © All Rights Reserved
    by Eladio Cortizo

Groups